Saturday 04 de May de 2024

A Xunta de Galicia destina preto de 200.000 euros a diversas actuacións de mellora paisaxística no Porto do concello de Ortigueira


As obras leváronse a cabo a través do Fondo de Compensación Ambiental, que permite aos concellos beneficiarse do canon eólico

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o alcalde de Ortigueira, Rafael Girón, asinaron esta mañá o documento de conformidade para a concesión da subvención destinada á execución de diversos traballos de mellora paisaxística e servizos de protección do medio ambiente. O Goberno galego, a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, financiou integramente estas actuacións cunha achega de 196.990 euros correspondente ao Fondo de Compensación Ambiental, que permite aos concellos beneficiarse do canon eólico.

Acompañada polo rexedor, a máxima representante do Executivo autonómico na provincia supervisou o resultados das actuacións levadas a cabo con estes fondos. Por unha banda, o proxecto elaborado pola entidade local incluíu a creación dunha zona de xogos acuáticos e unha zona axardinada.

Outra parte da subvención do Executivo autonómico tamén se destinou a colocación de mobiliario urbano e paneis informativos. Deste xeito, con este proxecto o concello unifica o espazo formado polo xardín do Malecón, e a área recreativa e didáctica para mellorar a paisaxe e ao mesmo tempo potenciar o seu uso para fins recreativos e didácticos.

Ademais, tal e como se prevé na orde do departamento autonómico, o concello destinou 89.367 euros da partida correspondente ao fondo a gastos de funcionamento da propia administración local vinculados con servizos que teñen asignadas funcións de protección do medio ambiente e do espazo natural.

Once municipios das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal beneficiados
Do Campo recordou que este é o quinto ano consecutivo no que once concellos das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal (A Capela, As Pontes, As Somozas, Cariño, Cedeira, Mañón, Monfero, Narón, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño) optan ás subvencións en réxime de concorrencia non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental, ao atoparse o seu territorio municipal dentro dunha poligonal de delimitación dun parque eólico ou estar afectados pola correspondente instalación de conexión ou vía de evacuación. Estes municipios suman 616 aeroxeradores dentro dos seus límites, mentres que sete deles dispoñen de máis de 80.000 metros de liñas de conexión. En total, recibirán algo máis dun millón de euros.

Concello Aeroxeradores Metros de liña Subvención
A Capela 11 — 15.774 euros
As Pontes 139 56.039 294.859 euros
As Somozas 87 2.851 128.322 euros
Cariño 44 — 63.096 euros
Cedeira 70 308 102.380 euros
Mañón 73 2.548 109.025 euros
Monfero 25 261 37.850 euros
Narón 6 — 8.604 euros
Ortigueira 116 17.977 196.990 euros
San Sadurniño 26 139 39.284 euros
Valdoviño 19 — 27.246 euros
TOTAL 616 83.111 1.023.427 euros

As axudas concedidas polo Goberno autonómico están destinadas a financiar iniciativas orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia, ao uso sostible das enerxías renovables e á restauración e reposición do medio ambiente e reequilibrio territorial. Precisamente, Do Campo destacou que un ano máis a Xunta autoriza aos concellos beneficiarios a dispoñer do fondo para facer fronte ao gasto corrente, algo que afecta moito aos municipios. Ademais, neste exercicio, o Fondo de Compensación Ambiental pode tamén empregarse en gastos de contratación ou mantemento de persoal.

Segundo subliñou a delegada territorial, o fondo reflicte un triplo compromiso da Xunta de Galicia, pois, explicou, “resulta unha clara mostra da implicación do Goberno galego cos concellos e co medio ambiente, pero tamén da aposta polo reequilibrio territorial”. “A distribución do canon eólico, en definitiva, beneficia sobre todo a municipios pequenos e do interior e suponlles, ano tras ano, unha importante fonte de ingresos nestes momentos de dificultades económicas”, concluíu.